Axudas para A Maruxaina
CARTA ABERTA
(Firma: COMISIÓN A MARUXAINA)
QUEREMOS comezar dicindo que non escribimos esta carta con ánimo de polemizar, senón que o noso obxectivo é promover unha reflexión sincera naquelas instancias da Administración autonómica que teñen na súa man impulsar, a través das distintas axudas e subvencións, as festas e celebracións tradicionais.
Cada segundo sábado de agosto, en San Cibrao, celébrase unha das festas máis multitudinarias da Mariña: A Maruxaina. Caracterizada pola súa condición popular, todos os veciños, e centos de miles de visitantes, mudan as súas roupas polas tradicionais vestimentas mariñeiras participando, de forma activa, nas distintas actividades programadas ao efecto de festexar a chegada da serea-meiga, que será xulgada, tras o desembarco, na praia do Torno. Na pasada edición contou cun respaldo popular masivo, acadando unhas cifras de asistencia que, de manterse no tempo, estimulan a esta comisión a promover o recoñecemento de festa de interese turístico nacional. A pesar destes datos, non ten concedida ningunha subvención dos departamentos autonómicos de Industria e Turismo.
Esto contrasta, por exemplo, con outras actividades que teñen a mesma consideración de Festa de Interese Turístico de Galicia, como a Queimada Popular de Cervo, que recibiu unha axuda que, segundo se publicou, elevouse aos 6.000 euros, a cargo da Consellería de Industria. Devandita actitude non redunda nun trato igualitario en detrimento da festa da Maruxaina.
Nós creemos que a Queimada Popular merece todo este apopio. Para nós será un punto de referencia que respectamos e admiramos, e felicitamos aos seus organizadores polo éxito acadado na última edición. Pero o que nos resulta difícil de asimilar é que a Xunta non apoie e impulse ambas celebracións en termos de igualdade. Por eso, en nome de todos os que nos esforzamos por facer realidade esta festa, pregamos aos responsables de Industria e Turismo e, ao propio edil nacionalista cervense, que axuden a nosa festa e o faga en termos de igualdade, porque creemos que é de xustiza para a Maruxaina de San Cibrao.